





















Celebramos unha nova sesión do Consello Escolar Infantil, un espazo onde o alumnado pode falar, propoñer, opinar e axudar a mellorar o cole. Nesta convocatoria tiñamos que responder a tres preguntas que queremos manter, que queremos mellorar e que queremos engadir. A asamblea celebrouso o pasado 27 de abril onde houbo representantes de todas as aulas. Estes foron os acordos aos que chegamos e queremos compartilos con vós.
QUE QUEREMOS MANTER: os contextos de aprendizaxe, os torneos nos recreos, os venres de cine, os timbres musicais elixidos polo alumnado, os clubes de lectura, as actividades do programa T+T, o traballo de oratoria, a saída con pernocta de fin de curso e este propio Consello onde podemos dar as nosas opinións.
O QUE QUEREMOS MELLORAR: os baños do centro, quitar as reixas das fiestras, retirar os proxectores antigos, mellorar a comida do comedor, recuperar a zona de música da biblioteca, renovar as pelotas do patio, coidar o invernadoiro, o areeiro, a cabana de vimbio e a horta.
E, como sempre temos ideas novas, pensamos no que NOS GUSTARÍA ENGADIR: unha casiña no patio, máis xogos infantís como tobogáns e bambáns, mesas de ping-pong, unha corda ou escaleira para subir a Yupilandia, actividades de convivencia cos coles de Bueu, unha noite de acampada no cole, un muro coas pegadas do alumnado de sexto, que cada aula teña un nome relacionado co proxecto, un taboleiro no patio para anotarse aos torneos, un buzón de propostas e máis decoración no corredor de arriba nas conmemoracións.



Sentimos ao alumnado protagonista e feliz de pertencer a esta comunidade educativa, e iso énchenos de orgullo, porque vemos que cada idea, cada palabra e cada soño compartido no Consello Escolar Infantil demostra que o noso cole medra con eles e grazas a eles.
Esta semana o noso clube de lectura infantil mergullouse nunha historia tan breve como poderosa: O dedo máxico, de Roald Dahl. Unha historia que combina humor, fantasía e unha mensaxe que invita a pensar.
A protagonista desta historia ten un don moi especial: cando algo a enfada profundamente, o seu dedo índice desprende unha enerxía misteriosa capaz de transformar a realidade. E iso é exactamente o que ocorre cando observa como unha familia veciña trata aos animais sen respecto.
A partir de aí, a maxia fai o seu traballo… e os lectores tamén. Porque Dahl non só entretén: abre portas para falar de empatía, responsabilidade e das consecuencias dos nosos actos.
Compartimos impresións sobre as transformacións máis sorprendentes do libro, debatemos sobre o que significa tratar ben os animais e a natureza e inventamos outros finais, demostrando que a imaxinación infantil non ten límites.
Rematamos a sesión decorando a nosa chapa que xa forma parte da nosa coleción de chapas do clube de lectura.



.jpeg)


O pasado 17 de marzo, e grazas á subvención da Deputación de Pontevedra dentro do programa Vive o rural, o alumnado de infantil acudiu á Granxa Serantellos.
Foi unha xornada moi enriquecedora!
Se che gusta partirte de risa este libro esta feito para ti.
Texto elaborado polo alumnado de quinto de primaria.
Como se dunha chisteira saísen os coellos dun mago, así apareceu a cativada de Infantil para darlle a benvida ao Entroido. Entre ilusións, sorrisos e moita fantasía, o patio do colexio transformouse nun escenario máxico.
Harry Potter abriu as portas a un bosque encantado no que habitaban fadas, trasnos, elfos e gnomos seguidos de personaxes saídos das películas O Mago de Oz e Wicked, enchendo cada recuncho de cor, música e fantasía.
O colexio enteiriño converteuse nun lugar, onde a imaxinación era a mellor varita e cada neno e nena, un pequeno feiticeiro capaz de facer realidade o imposible.
Todo o alumnado pasou polo esceario para entoar as cancións do proxecto, creadas con moita maxia polo profe Jose, para rematar cunha degustación de doces típicos aportados polas familias, que nos acompañaron neste día tan especial







