Amosando publicacións coa etiqueta contexto científico. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta contexto científico. Amosar todas as publicacións

luns, 14 de abril de 2025

Contexto científico de película

No contexto científico tamén traballamos no noso proxecto sobre o cine. Neste plan estudamos a  luz e a calor,  no cal empregando a técnica de stop motion, crearon curtas orixinais para explorar e ensinar os principios de luz e sombras. A técnica stop montion é un método de animación que da vida aos obxectos ou personaxes mediante unha serie de fotografías tomadas en secuencias. Primeiro pensaron  a idea  e cos materias que precisaron fixeron  os decorados obxectos e personaxes, para posteriomente realizar as fotografías. A montaxe faixe ensamblando os fotogramas cun programa especial, que crea a ilusión de movemento.

 Este enfoque creativo permite comprender de forma visual e práctica a interacción entre luz e  a imaxe, ao tempo que fomenta habilidades como a cooperación e a creatividade. Unha idea xenial para facer que a ciencia sexa máis divertida e accesible, nun cole de película!




Aquí podedes ver o produto final. Un traballo de película!

   

Este curso será de película!

luns, 9 de decembro de 2024

Un contexto científico de película

En cada contexto tentamos facer actividades relacionadas co proxecto. No recanto creativo do Contexto Científico fixéronse curtametraxes coa técnica stop motion, foto a foto. Os decorados se deseñaron co procedemento de separación de mesturas chamado cromatografía, onde se usa o alcohol como disolvente e se separa unha mestura homoxénea, como é a tinta, nas súas distintas compoñentes. 




O curioso efecto fai que aparezan novas cores e que se arrastren pola capilaridade da auga, dando lugar a un efecto moi artístico.

   

Quedaron uns traballos de película!

mércores, 23 de novembro de 2022

Teatro na ciencia

"A ciencia está chea de momentos épicos coma este. Coñecelos e transmitilos é un deber no que todos, non soamente os que somos científicos, debemos participar. Amigos: temos unha historia da ciencia tan rica como descoñecida. Cando leades unha historia coma esta, facédea vosa e transmitídea, porque cada vez que a contedes estaredes sementando a curiosidade pola ciencia e contribuiredes a facer medrar no noso pobo unha cultura científica moi necesaria, que nos permitirá avanzar como sociedade e nos fará máis libres." José Tubío



Chegou novembro o mes da ciencia, e na biblioteca do Ceipp Torre Cela seguimos os consellos de José Tubío, así que vos imos contar ciencia pero facendo   moito teatro.Tal e como di o manifesto deste ano 2022, baixo o título "O deber de coñecer e transmitir a nosa historia científica", abrirá moitas rutas de traballo e investigación coas que poder berrar "Terra á vista" desde as nosas bibliotecas escolares.

Pronto vos ensinaremos o resultado final que estamos seguros vos encantará, mentres tanto un anticipo.





Arriba o telón!


domingo, 9 de outubro de 2022

Saímos a analizar o entorno no contexto científico!!!

O pasado venres no contexto científico, os alumnos de 5º e 6º pasaron un día estupendo localizando elementos de distintos ecosistemas que atopamos nas proximidades do noso cole. Distinguimos entre biótopo e biocenose, vexetación de río, paisaxes humanizadas, fauna e flora e ata algún elemento contaminante!

Encántanos aprender así!!! 





mércores, 18 de maio de 2022

Galiciencia

O noso alumnado de terceiro a quinto desfrutaron dunha mañán científica en Ourense como ointes e futuros participantes da maior  Feira científica cos obxectivos de fomentar o espírito innovador e emprendedor, contribuír no desenvolvemento das vocacións científicas e potenciar a divulgación e comunicación social da ciencia.

Fixeron un obradoiro sobre reutilizar e reciclar material de refugallo e despois visitaron a feira científica coas investigacións e proxectos doutros centros. 

Moitas grazas por todo o que nos ensináchedes!!!










martes, 3 de maio de 2022

Festival Art for Change

 Esta fin de semana na Praza Massó de Bueu o instituto Johan Carballeira organizou o Festival Art for change, no que participamos moitos centros,  co fin de apadriñar baleas.


O noso centro participou cun stand no que vendíamos manualidades feitas polo alumnado de Infantil e Primaria, tiñamos unha biblioteca sobre a temática, experimentos científicos, descifrar a mensaxe da botella e mesa sensorial  dos minimundos mariños. Contamos coa colaboración de mestres e alumn@s maiores.













xoves, 17 de xuño de 2021

Máis Superarte no contexto científico

Esta fin de curso segue a espallar SuperArte polos catro costados. Desde o Contexto Científico, esta semana estreamos… exposición de fotografía creativa! 

O traballo feito polo alumnado de 5° e 6° no Plan da Luz foi tan atractivo que cando vimos as fotografías feitas, soubemos que non podían quedar dentro da aula, e quixemos compartilas co resto do centro, e tamén con vós, a través desta exposición tan artística na entrada da biblioteca.


A experimentación coa luz, espellos, a auga e co prisma de Newton, levou aos pequenos fotógrafos e fotógrafas a capturar instantáneas nas que conviven distintos fenómenos luminosos, como a reflexión, a refracción, difracción e tamén a dispersión da luz branza en todas as cores do arco da vella.

O resultado foi extraordinario, hai moito talento audiovisual entre os nenos e nenas do Torre Cela! Algúns títulos das fotografías son: Un camiño nas sombras, Un portal á natureza, A man diversa, A herba das cen cores, Máscara ao descuberto ou Vistas ao dobre ceo.   

Agardamos que vos gusten tanto como a nós!

Ademais, no último plan do Contexto Científico deste curso, de Máquinas e Inventos, fixéronse deseños creativos con moita arte, que tamén queremos ensinarvos. 

Os nenos e nenas de 3° e 4° deseñaron unha máquina para transportar patacas coa axuda dos nosos hóspedes, os caracois. Aproveitamos para coidalos e observalos, e debemos tratalos ben que nos botaron unha man co transporte de patacas! Aquí algúns dos deseños creados.

 

O alumnado de 5° e 6° deseñou cohetes de auga que puxemos a proba no patio grande… Eran moi aerodinámicos. Tanto, que sobrevoaron o tellado do ximnasio e tivo que vir o conserxe Luis en misión de rescate!

  

Tamén inventaron automóbiles do futuro: voadores, con aerodeslizador, adaptados para durmir, para recoller lixo automáticamente e ata con zona relax e de festa para bailar. O futuro xa chegou ao Torre Cela. Ao mellor pronto nos interesa facer unha viaxe ao pasado...

 

SuperARTE!

xoves, 10 de xuño de 2021

Os medios de comunicación

 No contexto científico en 1º e 2º, dentro do plan de traballo titulado " Os medios de comunicación", pasamos por Radio Faladoiro para facer a gravación do audio dun vídeo sobre a temática. Non perdades detalle porque sabemos moita historia destes aparellos.





sábado, 29 de maio de 2021

Obradoiros de Galiciencia por Xabi Martínez

 O alumnado de sexto, como noutras ocasións, realizou  un traballo de expresión escrita sobre os obradoiros de Galiciencia. Hoxe publicamos o traballo de Xabi, que está espectacular. Parabéns!

Hoxe, martes 27 de maio, fixemos unha actividade de criminoloxía coa axuda de Galiciencia. 

O delito que tiñamos que investigar era un roubo dunha tarta na que había unha xoia. 

Cando chegamos a clase había sangue, pegadas e moitas pistas...así que nos convertemos en criminólogos. 

O primeiro que fixemos foi botarlle grafito ás pegadas para marcalas. Logo, analizamos as pingas de sangue para saber a altura de donde caen. A continuación cun microscopio miramos as fibras da nosa roupa  e descubrimos que o criminal tiña roupa texana. 

Ademais, o criminal escribiu unha nota na que poñía: ‘Nunca collerédesme, jejejej, por certo, a tarta estaba moi rica’. Así que fixemos cromatografía, escribindo con alguns bolígrafos e botándolle alcol. O obxectivo era saber con que tipo de bolígrafo escribira e descubrimos que era un boli BIC azul. 

Tamén analizamos algunhas solas dos zapatos para saber que o criminal levaba uns zapatos marca Karhu. 

Por último, atopamos unhas contas dun colar e con luz ultravioleta descubrimos que ese colar só o fabricaban nunha tenda en España. 

Con axuda de todos eses datos encontramos ao criminal. 


Nesta actividade aprendín que a criminoloxía e a ciencia están moi relacionadas. A actividade gustoume moito!



  




venres, 28 de maio de 2021

Obradoiros de Galiciencia

Esta semana o alumnado de 3º a 6º participamos nos talleres de Galiciencia, a maior feira científica escolar de Galicia. Este ano non puido ser presencial, pero fixémolo a través de internet moitos de centros conectados ao mesmo tempo. Foi moi emocionante!

O xoves, David Ballesteros guiounos para resolver o misterio do ladrón ou ladroa de tartas que contiña o diamante da 16ª Edición de Galiciencia. Precisabamos encontralo para que siga habendo Galiciencia o próximo ano! 

Primeiro, fixemos extración de pegadas dixitais como investigadores da policía científica, con po de grafito. Despois, analizamos o sangue, e soubemos que non foi dalguén que foi correndo, senón que caeu desde arriba. Resulta que a xeometría das gotas de sangue nos dá moita información! Tamén estudamos o rastro dunha pegada de zapato do posible sospeitoso ou sospeitosa e analizamos distintos textís ao microscopio, averiguando que a tea que se encontrou na escea do crime era... vaqueira!! 

  

  

Por último, fixemos unha cromatografía para analizar que bolígrafo escribiu a nota (“Non me vades pillar. P. D.: A tarta estaba riquísima!”), que resultou ser un boli BIC. E apareceron tamén unhas contas dun colar… que se volvían luminiscentes ao alumealos coa lanterna ultravioleta! Ser policía científica é agotador. Finalmente, descubrimos quen roubou a tarta e recuperamos o diamante. Ufff… menos mal!

  

                          

O venres, Patricia Barciela e David Viñas ensináronnos como funciona o helicóptero Ingenuity, que leva un mes facendo probas no planeta Marte. Resulta que voa porque se parece moito ás sementes “helicópteros” dalgunhas árbores, que tamén teñen unha especie de “hélice”, o que fai que xire arredor de si mesma ata aterrar na superficie.  Resulta que o helicóptero logrou voar en Marte durante períodos de 90 segundos, e non só iso… se non que fai un ruido considerable. A razón de que poida voar un helicóptero en Marte, onde non hai gravidade, é polo chamado efecto Doppler, un fenómeno difícil de explicar ata para os científicos.

  
 
Puidemos facer a nosa propia reconstrución deste helicóptero, coma se formásemos parte do equipo técnico da misión Mars2020. Probamos con folios de papel, papel de seda, papel charol… E obtivemos unhas aterrizaxes máis que satisfactorias! Resulta que se o papel é moi lixeiro ou moi pesado voa peor.  Despois, fixemos fotos e vídeos das nosas probas de voo. Alucinante, a que si?

Ata a próxima edición, Galiciencia, agora xa non podemos deixar de investigar e explorar o mundo! Vémonos na Terra… ou en Marte!

sábado, 15 de maio de 2021

Ciencia con ARTE

Durante o segundo trimestre foron moitas as actividades creativas que levaron a cabo os nenos de 3º a 6º no Contexto Científico. Como xa descubrimos en novembro, o Mes da ciencia en galego nas bibliotecas escolares, a arte e a ciencia van da man, ¡non están tan lonxe como ás veces se pensa! No noso cole puidemos comprobalo de primeira man e experimentar, investigar e crear co selo SuperArte.

A nutrición e a análise dos valores nutricionais das etiquetas dos alimentos levou ao alumnado a deseñar menús de restaurantes saudables e atractivos para o público. Quen quere lasaña de verduras? Ademais, tamén elaboraron contraanuncios de snacks pouco saudables, como patacas de bolsa ou bollos de chocolate que traen ás veces ás merendas, moi orixinais e cun punto de humor.

 
 
A conmemoración do Día da Muller e a Ciencia levounos a homenaxear, empregando a técnica de collage con volume, a algunhas mulleres científicas que foran esquecidas pola Historia: Hedy Lamarr, Barbara McLintock, Nora Stanton Blatch ou Ruby Hirose foron algunhas das escollidas polos nenos e nenas. Estudando os virus e as bacterias, tamén se elaboraron cartaces divulgativos sobre a importancia de vacinarse fronte á Covid19 e outros recordatorio das medidas de seguridade para protexerse e protexer aos demais, que están expostos nos corredores do centro.

  
  

A exploración dos fenómenos luminosos da reflexión, a refracción e a dispersión da luz levounos a mesturar a superArte literaria coa arte plástica, inventando contos de superheroes e superheroínas e deseñando as siluetas dos personaxes para un teatro de sombras moi emocionante. Ademais, os nenos e nenas convertíronse en fotógrafos e fotógrafas e expresáronse a través da oitava arte capturando algúns momentos máxicos coma estes arcos da vella. Alucinante!



Seguimos medrando como investigadores, curiosos, pequenos e pequenas científicas e superArtistas. Non volo perdades, que aínda nos quedan cousas que ensinarvos antes de que remate o curso!

SuperARTE!