E seguimos desenterrando os nosos tesouros…nesta ocasión o maio.
Os nenos/as de primeiro e segundo fixemos un fermoso maio adornado con
espadaina, xestas, fiuncho e flores variadas. Axudounos Julio Santos Pena que
durante moitos anos como docente axudou a manter a tradición en Marín.
Ensinounos moitas curiosidades como que os maios existen desde a antigüidade e
están relacionados co nacemento da agricultura. Os maios teñen moita evolución
e diferentes formas de expresión segundo a localidade na que se fan. Así pois
hai incluso maios humanos ou maios con figuras.
O noso ven de Ons, porque alí estamos desenterrando moitos tesouros, ten
forma cónica e unha coroa. Ao seu redor cantamos coplas con tesouros da nosa
illa.
Aquí tedes a copla dos nosos nen@s ao seu maio
MAIO PEQUERRECHIÑO DA TORRE
Todos arredor
poñede atención
que este noso
maio
ven falar de Ons.
Son as nosas illas
na porta da ría
que coidan de nos
freando a maruxía
Os nosos avós
naceron alí
pero hai moitos
anos
viñeron para aquí
Os homes da Illa
no mar
traballaban
e, as mulleres,
a terra labraban
Remaban nas dornas
pescaban bos
polbos
ían as centolas
co espello
mirafondos.
Moitas vaquiñas
había na Illa
hoxe alí o gando
é historia
perdida.
A xente escapou
para mellorara
a Illa quedou
soíña a chorar
Alí soio quedan
un par de mariñeiros
Cesáreo e Manolo
que son os
derradeiros.
E agora nos
que somos
pequenos
queremos que sexa
a Illa dos nenos.
Por eso cantamos
co noso maiño
lembramos aos
vellos
con moito cariño
Area dos Cans,
Curro e Canesol,
Son coa de Melide
praias de moito
sol
Alumea o Faro
alá no Cucorno
avisando aos
barcos
que andan no
entorno
Tres illas irmás
as tres moi
fermosas
a Ons e a
Onza
e o illote da
Freitosa
Hai moitas pegadas
dos nosos
ancestros
a Cova dos Mouros
e a Laxe dos
Cregos.
Imos rematar
este noso canto
que imos para
Illa
e nos marcha o
barco.
Para outro ano
outra vez viremos
co noso maiño
cantando estes
nenos.
Maio de 2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario