sábado, 14 de novembro de 2020

CONTEXTO HUMANÍSTICO: Patrimonio arqueolóxico prehistórico e antigo da comarca do Morrazo

Os nenos e nenas de 3º e 4º de Educación Primaria sumerxíronse nun tema realmente artístico, ou como decimos nós por aquí… SuperARTE! 

Preparados? Nosos nenos e nenas traballaron O PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO PREHISTÓRICO E ANTIGO DA COMARCA DO MORRAZO: BUEU,CANGAS, MARÍN E MOAÑA. 

O primeiro día fixemos unha presentación teórica na que aprendemos o que significaba a arte como PATRIMONIO, a arte megalítica e sobre todo coñecimos ao pobo dos CELTAS.

Coñecemos o que podemos atopar hoxe en día en cada concello da nosa comarca, a do Morrazo. Comezamos por Bueu, que é onde se encontra o noso cole, onde podemos destacar a Mámoa do Fornos das Arcas, en Chans (Cela), entre outras como a de Castiñeiras ou castros como o das Illas Ons; seguimos por Cangas, onde é imprescindible pararnos no santuario da época romana que se encontra no Monte Facho; pasamos tamén por Marín, concello cheo de patrimonio megalítico, onde sen dúbida coñecimos o castro de A Subidá e os Petróglifos de Mogor, entre outra moita arte patrimonial; e por último, pasamos tamén polo concello de Moaña, onde destacamos o Dolmen de Chan de Arquiña ou o castro de Montealegre, en Domaio No recanto, “Tratamento da Información”, os nosos nenos e nenas fixeron unha “sopa de letras megalítica” moi faciliña de 16 palabras para despois buscar o seu significado no Diccionario da Real Academia Galega on-line, afianzando así conceptos.

No recanto “Buscando Historias”, tivemos que “meternos” nunha máquina do tempo e trasladarnos a cando os celtas esculpían nas pedras, investigando sobre diferentes símbolos celtas a través das TIC

No recanto, “Vivimos en Sociedade”, tiveron que ampliar información sobre como vivían os nosos antepasados celtas a través de diferentes materiais impresos e as TIC, para despois poder escribir unha historia na que eles e elas serían os protagonistas, a cal se chamaría “OS NENOS E NENAS DO TORRE-CELA SON CELTAS”.

Por último, no cuarto recanto, o “Creativo”, tiveron que poñerse mans á obra mediante a representación dun ou varios petróglifos, como? mediante arxila marrón na que deberían esculpir a diferente simboloxía celta como animais, humanos, figuras abstractas, laberintos, artiluxios de guerra… mediante paus de madeira e pedras, para darlle unha textura rugosa, quedando “duro como unha pedra” nos vindeiros días, xa que os celtas realizaban os petróglifos en pedra de granito con diferentes aparellos de metal, cousa que na escola non podemos facer, non somos canteiros e canteiras, de momento…

Canto aprenderon os nosos nenos e nenas... aínda que non se viran nunca nunha destas, valeu a pena o traballo e o esforzo que fixemos entre todos e todas! Como non, sempre ca nosa filosofía de SuperARTE!

  

Ningún comentario:

Publicar un comentario