sábado, 14 de novembro de 2020

CONTEXTO CIENTÍFICO: Propiedades dos materiais e tipos de mesturas

No segundo plan do Contexto Científico os nenos e nenas de 3º e 4º exploraron as propiedades dos materiais e estudaron os tipos de mesturas e algúns dos seus métodos de separación. Este plan non era doado, pero ao ser tan práctico e experimental, gozamos un montón!

No recanto de Tratamento da Información, analizaron as propiedades dalgúns materiais sorpresa que atoparon na caixa de traballo, mediron a masa e a densidade dalgúns deles e cubriron un informe dixital no ordenador. Tamén completaron un esquema interactivo para afianzar os contidos do tema! Vedes que concentrados e concentradas calculando a masa na báscula e o volume no vaso graduado?


No recanto de Experimentación fixeron varias mesturas nos tubos de ensaio (auga e azucre, auga e sal, auga e aceite, auga e curri…) e tamén analizaron outras xa feitas (colacao, masa de empanadilla, barriñas enerxéticas...). Despois clasificáronas en homoxéneas e heteroxéneas, según se distinguían ou non as súas compoñentes. Tamén elaboraron unha torre de densidades! Resulta que o mel é moi moi denso, e o alcohol ten moi pouca masa porque sempre queda arriba, alucinante!


No recanto de Valores da Ciencia estudaron os cambios de estado da materia, a vaporización e condensación, como ocorre cando saímos da ducha e o espello se enche de gotiñas, pero esta vez recreado nunha bolsiña de plástico. Tamén observaron como os gases, ao aplicarlles calor, tenden a expandirse. Colocaron un globo nunha botella de plástico e, ao expandirse coa calor, inflouse un pouco o globo!



No recanto Creativo, experimentaron coa cromatografía, que é un método para separar mesturas homoxéneas. Primeiro fixeron probas en papel de filtro e despois fixeron deseños moi orixinais na súa camiseta. Resulta que a tinta, ao aplicarlle alcohol, sepárase e podemos ver as súas compoñentes. Parece arte de maxia!

  

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario