Os nenos e nenas de 4º estamos xa enfrascados na lectura de Vampira de biblioteca, un libro emocionante e cheo de misterio, da autora Ledicia Costas. Estamos bastante preocupados pola Biblioteca da Universidade de Coímbra, pois hai uns insectos bibliófagos que están a destrozar os seus libros. Nestes intres hai un couzón enorme devorando a portada dun importante libro de medicina! E ten unha caveira que dá bastante repelús, segundo limos é capaz de desprender unha substancia tóxica que destrúe aos vampiros, que medo! Como se nota que Samaín está a piques de chegar…
Menos mal que Eleonora ten ideas revolucionarias e seguro que os vampiros Xa e Mon a axudan a resolver este misterio. Estamos desexando seguir lendo e descubrir que ocorre, non vedes que concentrados estamos todos lendo na biblioteca?
Despois buscamos algunhas palabras que non coñeciamos no dicionario, e así imos coleccionando palabras novas. Seguiremos contándovos como lle vai a Eleonora na súa misión en próximas actualizacións, ata pronto!
Ningún comentario:
Publicar un comentario