sábado, 15 de maio de 2021

Ciencia con ARTE

Durante o segundo trimestre foron moitas as actividades creativas que levaron a cabo os nenos de 3º a 6º no Contexto Científico. Como xa descubrimos en novembro, o Mes da ciencia en galego nas bibliotecas escolares, a arte e a ciencia van da man, ¡non están tan lonxe como ás veces se pensa! No noso cole puidemos comprobalo de primeira man e experimentar, investigar e crear co selo SuperArte.

A nutrición e a análise dos valores nutricionais das etiquetas dos alimentos levou ao alumnado a deseñar menús de restaurantes saudables e atractivos para o público. Quen quere lasaña de verduras? Ademais, tamén elaboraron contraanuncios de snacks pouco saudables, como patacas de bolsa ou bollos de chocolate que traen ás veces ás merendas, moi orixinais e cun punto de humor.

 
 
A conmemoración do Día da Muller e a Ciencia levounos a homenaxear, empregando a técnica de collage con volume, a algunhas mulleres científicas que foran esquecidas pola Historia: Hedy Lamarr, Barbara McLintock, Nora Stanton Blatch ou Ruby Hirose foron algunhas das escollidas polos nenos e nenas. Estudando os virus e as bacterias, tamén se elaboraron cartaces divulgativos sobre a importancia de vacinarse fronte á Covid19 e outros recordatorio das medidas de seguridade para protexerse e protexer aos demais, que están expostos nos corredores do centro.

  
  

A exploración dos fenómenos luminosos da reflexión, a refracción e a dispersión da luz levounos a mesturar a superArte literaria coa arte plástica, inventando contos de superheroes e superheroínas e deseñando as siluetas dos personaxes para un teatro de sombras moi emocionante. Ademais, os nenos e nenas convertíronse en fotógrafos e fotógrafas e expresáronse a través da oitava arte capturando algúns momentos máxicos coma estes arcos da vella. Alucinante!



Seguimos medrando como investigadores, curiosos, pequenos e pequenas científicas e superArtistas. Non volo perdades, que aínda nos quedan cousas que ensinarvos antes de que remate o curso!

SuperARTE!

Ningún comentario:

Publicar un comentario