O pasado venres 21 de abril, dentro das actividades de Abril mes dos libros, o alumnado de sexto realizou unha xuntanza de club de lectura co alumnado de sexto do Ceip de Montemogos sobre o libro “Mamá, quero ser Ziggy Stardust” á que asistiu a autora, Iria Misa.
Durante o segundo trimestre os grupos de sexto dos centros de Cela e Beluso leron esta historia que fala sobre o proceso de transición social dun neno trans e das dificultades que iso implica. O proceso de lectura nas aulas resultou moi interesante xa que suscitou debates sobre diversos temas moi relevantes para o alumnado de estas idades coma a identidade de xénero, a aceptación social, a importancia do apoio da contorna…
Con todas estas reflexións, o alumnado asistiu ao encontro coa autora e cos que o vindeiro curso serán os seus compañeiros e compañeiras no instituto.
A xuntanza resultou moi enriquecedora. A autora explicou todo o proceso de aprendizaxe e documentación que precisou para escribir sobre este tema. Contou que coñeceu a varias familias de nenos e nenas trans a través da asociación Arelas, de Vigo. Tamén falou sobre a figura de David Bowie como personaxe transgresor e creador da súa época e como empregou esas características para vincular ao protagonista do libro, Aine, co artista.
O alumnado expresou as súas opinións sobre o libro e preguntou á autora sobre como comezou a escribir, que libros lía para inspirarse e moitas outras cuestións sobre o proceso de creación. Falaron tamén sobre as ilustracións do libro e a importancia das mesmas para apoiar a historia. Unha alumna de sexto do Torre Cela, Leire, aproveitou para amosar o seu interese polo mundo da ilustración e o seu talento para o debuxo cunha ilustración de Ziggy que preparou para a ocasión.
Para rematar, a autora asinou a cada alumno o seu exemplar cunha dedicatoria personalizada para cada un e unha.
A valoración da xuntanza resultou moi positiva, tanto no relativo á animación a lectura como na actividade de convivencia entre o alumnado dos dous centros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario