Última sesión de Club de Lectura deste curso!! O alumnado de 5º e 6º despiden o curso coa súa última reunión xuntas. Nesta ocasión desfrutaron do título "Bruxas e Dragóns" de Ledicia Costas, demostrando que ler é calquera cousa menos aburrido.
"Bruxas e dragóns" recupera un formato que non é moi habitual e que nos fascinou: o libro-xogo (ao máis puro estilo "Escolle a túa propia aventura"). Aquí, o lector é o verdadeiro protagonista e quen decide que camiño tomar en cada encrucillada.
Durante o debate púidose comprobar que ningún alumno lera a mesa historia!!
Ademais de divertirse, o alumnado fixo unha reflexión moi interesante sobre a dificultade de escribir unha historia así. Non é fácil poñerse a escribir e ter que deseñar un "mapa" de camiños que se cruzan, alternativas que teñen que cadrar e múltiples finais sen que a historia perda o sentido.
Un aplauso colectivo para Ledicia Costas por crear este quebracabezas literario tan perfecto!!
A temática de bruxas, maxia e criaturas fantásticas foi un éxito rotundo, pero o que de verdade nos cautivou foi a adrenalina de elixir o noso propio destino. O veredicto final do club non deixa lugar a dúbidas: quedamos con moitísimas gañas de ler máis libros deste tipo.


Ningún comentario:
Publicar un comentario