Amosando publicacións coa etiqueta Proxecto: Un cole de película. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Proxecto: Un cole de película. Amosar todas as publicacións

mércores, 9 de xullo de 2025

CICLO DE CINE SOCIAL CON PERSPECTIVA DE XÉNERO

O CIM de Bueu organizou un pequeno CICLO DE CINE SOCIAL CON PERSPECTIVA DE XÉNERO co obxecto de facer reflexionar ao alumnado de 5º e 6º sobre os roles de xénero, a crítica social e a violencia de xénero.

Estes tres eixos temáticos articulan as curtametraxes proxectadas durante a sesión, nas que o alumnado visionou pezas audiovisuais impactantes e, por equipos, avaliou aspectos como a identificación emocional, a claridade d mensaxe e o seu impacto reflexivo. 

A actividade culminou cun debate aberto, que serviu como espazo de reflexión crítica sobre a percepción e interpretación das mensaxes audiovisuais

Un paso máis para seguir aprendendo e adquirindo valores neste COLE DE PELÍCULA!


xoves, 19 de xuño de 2025

Un mural de película está en camiño

 Esta semana recibimos na nosa escola unha visita moi especial:  Luís Davila e Mary Acuña, que se  achegaron  para comezar a traballar co alumnado no deseño dun novo mural no patio.

Agora é  o noso turno de facer propostas, debuxar soños e dar forma a ese espazo que veremos todos os días ao recreo. Algo temos moi claro e é que queremos que Torriño quede retratado nun recuncho dese mural para seguir animando a ler, soñar e voar.

Un proxecto colectivo, artístico e ilusionante que converterá o patio nun lugar de película... e de escola viva.            


Remataron a visita cun agasallo moi especial adicado.Grazas Mary e Luís por acompañarnos nesta aventura e por apoiarnos sempre.






sábado, 7 de xuño de 2025

Gala dos premios Olloboi

O pasado venres 6 de xuño celebrouse a Gala de entrega dos premios de cine escolar Olloboi 2025 na Abadía de San Enrique de Boiro. 

Nesta, a súa 15ª edición, presentáronse un total de 58 curtametraxes de 41 centros educativos de Galicia, Euskadi e Portugal, que se dividían en 4 categorías distintas: +18, Bacharelato/ciclos, ESO e primaria. 

O xurado estivo composto por recoñecidos profesionais do sector audiovisual galego, como Miguel de Lira,  Isabel Blanco, Felipe M. Guerra, Cris Iglesias entre moitos outros ‘cómplices’. 

Dúas das curtametraxes presentadas polo Ceip da Torre Cela, elaboradas no marco do seu proxecto de centro ‘Un cole de película’, resultaron escollidas entre as 4 finalistas na categoría de primaria: O capitán chocalleiro, unha curta que combina as aventuras dun grupo de nenos e nenas ao máis puro estilo dos Goonies cunha crítica á corrupción política e os intereses económicos por enriba dos medioambientais; e Conexión, na que se trata de concienciar da necesidade de desconectar das pantallas para volver a conectar coa contorna e coas persoas que nos rodean. 

Finalmente, o xurado escolleu a curta Conexión coma mellor curta da  categoría de educación primaria dos premios Olloboi 2025. Con este recoñecemento, ademais do trofeo, o alumnado poderá participar nun obradoiro de animación no propio centro escolar. 

Este premio supón para o Ceip da Torre Cela un broche final para un curso cargado de aprendizaxes vencelladas ao mundo do audiovisual e de experiencias de creación cinematográfica na que participou toda a comunidade escolar.

                                    O alumnado de segundo recollendo o seu premio. Noraboa!


O alumnado clasificado na final desfrutando da gala!

Contexto artístico... de película!

 Xa rematamos o contexto artístico. Aprendimos moito sobre cine e execitamos a nosa creatividade grazas ao sétimo arte. 

Desde os irmáns Lumiere e George Méliés pasando por Chaplin, Hitchcock e o cine de animación, con grandes figuras como Walt Disney, Tim Burton e Hayao Miyazaki. 

Creamos escenografías de papel en branco e negro, lámparas de papel a modo das Candilejas de Chaplin, fixemos o noso retrato de perfil coma o do xenio do cinema de terror e esculturas dos seus famosos paxaros, elaboramos un libro-cine basado en "Viaxe á lúa" e elaboramos as nosas propias curtas de Stop Motion mesturando as técnicas de Burton cos personaxes de Miyazaki. 

A seguir creando!!












Tardes de contos na Biblio!

 Algunhas tardes de Biblio as pasamos compartindo sesións de contacontos a cargo dunha nai do noso centro, Olalla González. 

Unha artista nisto de contar historias, que nos ten a todos enganchados! Grazas Olalla, as portas da biblio sempre están abertas para ti!!






Lecturas compartidas!

 Durante este curso o alumnado de 3º ciclo realizou varias visitas ás aulas de infantil para realizar contacontos e sesións de lectura compartida. 

A motivación de maiores e cativos por compartir lectura e a oportunidade de ser modelos lectores é moi enriquecedor para todos e todas!

A seguir lendo!








Obradoiro de Radio na Biblio!

 O alumnado de infantil e 1º ciclo tiveron a sorte de contar cun obradoiro da man do xornalista Daniel Hofkamp, dentro do marco de Radio na Biblio.

Moi interesante coñecer os diferentes aparellos que se usan neste medio de comunicación!! Ademáis crearon distintos programas de radio en equipo, que despois foron rexistrados en Radio Faladoiro. Grazas Dani por unha excelente xornada de radio!!













venres, 6 de xuño de 2025

Uns piratas de película

Cando comezamos a traballar no noso proxecto de centro " Un cole de película" xurdiron intereses ao redor do mundo dos piratas, e iso derivou nun proxecto paralelo  no que traballamos os cursos de terceiro e cuarto  de primaria,  e do que vos podemos amosar un pequeno resumo ao longo desta publicación.

Todo comezou no Samaín, cando ambientaron o noso multiusos coa película Piratas do Caribe,Aí decidimos  facer  un guión para rodar unha curta na que os protagonistas foron piratas, podedes ver o resultado final nos enlaces seguintes.

CURTA DE 3º E.P. 

CURTA  DE 4º E.P.

No entroido eliximos o disfraz de piratas, creando unha canción con coreografía propia.


Eliximos a película dos venres na nosa biblio, Piratas do Caribe, e investigamos sobre ela e a súa banda sonora. A partir de aquí, seguimos dando forma a un proxecto centrado na investigación sobre os piratas e a súa historia. Fixemos lecturas, investigamos na biblio e en internet, creamos unhas pistas para atopar un tesouro e utilizamos os robots para chegar ao tesouro.










Por último, escribimos un guión  para rodar unha curta, no que non deixaron de aparecer piratas

 

E  visto o traballo realizado, presentamos o noso proxecto ás familias, porque somos un cole de película!















Grazas por acompañarnos nun proxecto de película!