xoves, 7 de febreiro de 2019

MANIFESTO DO DÍA DA PAZ

Ola tod@s!!! O Día da Paz os alumn@s de 4º e 6º de Primaria leron un manifesto que recolle as súas ideas e reflexións. A continuación o podedes ler.

Manifesto pola Paz 2019

Hoxe é  30 de xaneiro, DÍA ESCOLAR DA NON-VIOLENCIA E DA PAZ , declarado por primeira vez no ano 1964. O obxectivo desta conmemoración é educar na tolerancia, a solidariedade, o respecto aos Dereitos Humanos, a non-violencia e a Paz.

Desde o CEIP TORRE CELA  cremos que os centros escolares debemos actuar como instrumentos de Paz. Cremos que a Paz non so é a ausencia de guerras senón a presenza de liberdade e igualdade.
Non podemos dicir que vivimos en paz se non se respectan os dereitos das persoas sen distinción en función da raza, crenzas, relixión ou nivel económico.
Non podemos dicir que vivimos en paz se non conseguimos que todos e todas as persoas teñan acceso á cultura e á educación.
Non podemos dicir que vivimos en paz se non coidamos a nosa contorna, contaminando e maltratando o medio ambiente.

Recordamos polo tanto, neste importante día, aos nosos compañeiros, ás familias, aos mestres e a todos os membros da comunidade educativa que a responsabilidade de impulsar unha cultura de paz e respecto está nas nosas mans.
Cada un dos que estamos hoxe aquí podemos, seguindo o modelo de Wangari Maathai, plantar as sementes da Paz e facelas medrar con accións concretas. Tratando aos demais como queremos que nos traten a nós; facendo felices a aqueles que nos rodean e intentando ser cada día mellores persoas.
Sementamos a Paz, loitando de xeito pacífico contra a discriminación e contra calquera tipo de violencia.
Está tamén nas nosas mans, facer un uso responsable dos recursos naturais e reducir a contaminación para frear a destrución do noso planeta.
Wangari ensinounos que o respecto polo medio ambiente e a paz van da man.
Traballaremos para mellorar e convenceremos ás persoas que nos rodean para que traballen como nós. Deste modo as nosas sementes espertarán creando un mundo máis xusto e equilibrado.

Invitámosvos hoxe a todos e todas, neste DÍA ESCOLAR DA NON-VIOLENCIA E DA PAZ , a cultivar e promover os valores de paz e solidariedade, a rexeitar calquera tipo de violencia ou discriminación, a coidar o planeta e a biodiversidade que o habita.
Xuntos lograrémolo e xuntos gritaremos o ‘slogan’ preferido de Wangari:

Harambee, todos a unha!


Ningún comentario:

Publicar un comentario