Pola beira do río

xoves, 11 de febreiro de 2021

Día da Muller e nena na Ciencia


O día da muller e a nena na Ciencia celébrase  a través da plataforma 11 de febreiro.org. No noso cole non quixemos deixar pasar a oportunidade de de celebrar esta data e para iso contamos con dúas científicas de altura. As charlas realizáronse por vía telemática tal e como a situación sanitaria  ven  marcando neste curso. 

Para infantil primeiro e segundo de primaria contamos con Celia Tundidor Centeno de Castela León, científica, enxeñeira biomédica, deseñadora e programadora. Falounos sobre o concepto de evolución a través dunha personaxe, Luca, que é como se chamou á primeira célula. Tratou a temática dos animais, o recoñecemento de cantos de paxaros e a idea de que cada persoa é unha obra de arte diferente. Fixo dúas actividades interactivas: debuxo de animais inventados e un mural de pegadas colaborativo.


   

Celia Tundidor, tamén fixo unha sesión para o alumnado de terceiro a sexto na que explicou o método Socrático, o sistema binario, a programación, a arte, e o impacto da ciencia e as cousas que pode facer o alumndo cos seus medios para deixar pegada. Participou nun diálogo co alumnado e presentou un videoxogo orixinal presentando recursos que se poden utilizar de forma independente para crear. 

Os máis maiores tamén recibiron a charla de Irene López Gutiérrez, neurocientífica de Bueu que actualmente está a facer o doutoramento en Madrid. Fixo unha sesión sobre ilusións ópticas, amosando distintas imaxes e vídeos; e algúns experimentos de percepción óptica, traballando con recursos visuais, Explicou como se altera a percepción da realidade, e que realmente non vemos polos ollos, senón co noso cerebro. Tamén relacionou estas aprendizaxes co mundo das artes plásticas.

   

Queremos agradecer a organización por parte do equipo de ciencias e Tics do cole. Tamén salientar que  as circunstancias actuais impiden aproveitar este tipo de actividades ao 100%, pois en directo a actividade gañaría moito máis. Pero esta é a actualidade que nos toca vivir, o importante é non renderse.
Grazas as ponentes por compartir con nós os vosos coñecementos. 

Participamos en moitas das propostas que nos propuxo o equipo científico adaptadas a cada nivel Destacamos o  Quen é quen?, un xogo interactivo que nos invitou a descubrir a científicas a través da aplicación uniteAR e que resultou moi atractivo para o alumnado.


  

E por suposto que investigamos e desfrutamos cos libros da nosa biblioteca escolar!


                                                                    SuperARTE!!




Ningún comentario:

Publicar un comentario