xoves, 21 de maio de 2020

DÍA MUNDIAL DA DIVERSIDADE CULTURAL PARA O DIÁLOGO E O DESENVOLVEMENTO

O 21 de maio conmemoramos o Día Mundial da Diversidade Cultural para o Diálogo e o Desenvolvemento e o noso centro quere sumarse a esta celebración que debe axudarnos a comprender o valor da diversidade cultural e a mellorar a convivencia.


Aproveitamos esta ocasión para recomendar unha obra que nos invita a descubrir, valorar e gozar a diversidade e a riqueza do mundo. Trátase da edición actualizada de Gente, escrita e ilustrada por Peter Spier (1927- ) e publicada recentemente en Patio Editorial. Aínda que se trata dun libro orientado especialmente ao público infantil, é de lectura obrigada para adultos de tódalas idades pola súa marabillosa lección de respecto  e tolerancia.
A través de  textos breves e magníficas ilustracións ás que non lles falta detalle, descubrimos un sinfín de persoas!!! Persoas de distintos países e continentes, persoas que viven de xeito diferente, persoas que se divirten de maneira diferente, persoas de aspecto físico diferente, persoas de relixións diferentes, persoas que se expresan en linguas diferentes… E precisamente no coñecemento desta diversidade está a base da tolerancia e o respecto á diferenza.

Para celebralo deixámosvos algúns contos de diversidade e a canción de "Xente de Berrogüetto".
E non esquezades: "Porque todos somos diferentes e a diversidade enriquécenos, vivamos con respecto, tolerancia e aceptación para desfrutar dun mundo en paz e armonía""

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario