Amosando publicacións coa etiqueta #bescolaresgalAbertas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta #bescolaresgalAbertas. Amosar todas as publicacións

xoves, 19 de xuño de 2025

Un mural de película está en camiño

 Esta semana recibimos na nosa escola unha visita moi especial:  Luís Davila e Mary Acuña, que se  achegaron  para comezar a traballar co alumnado no deseño dun novo mural no patio.

Agora é  o noso turno de facer propostas, debuxar soños e dar forma a ese espazo que veremos todos os días ao recreo. Algo temos moi claro e é que queremos que Torriño quede retratado nun recuncho dese mural para seguir animando a ler, soñar e voar.

Un proxecto colectivo, artístico e ilusionante que converterá o patio nun lugar de película... e de escola viva.            


Remataron a visita cun agasallo moi especial adicado.Grazas Mary e Luís por acompañarnos nesta aventura e por apoiarnos sempre.






Premios de lectura

 Rematamos o curso celebrando o pracer da lectura cun xesto especial, agasallos para os grandes lectores e lectoras de cada curso. Un pequeno recoñecemento,  cheo de emoción, que entregamos coa complicidade da nosa querida mascota Torriño.

Lembrade  que un mundo con libros é un mundo máis grande, máis soñado e máis noso. Remata o curso, si… pero as historias nunca deixan de medrar.




Aproveitamos o encontro para entregarlle ao alumnado de segundo o seu premio obtido nos Premio Hermida de Radio da man de Xerais.



Grazas a este grupo de segundo de primaria e a súa profe Sandra porque nos fixeron sentir que somos un cole de película!


Club de lectura 3º e 4º E.P.

No último encontro do noso club de lectura, os nen@s e nenas de terceiro e cuarto, reunímonos ao redor dun título cheo de humor e chispa da serie Os minimortos "Falso aniversario", de Ledicia Costas. Nesta nova aventura, os Minimortos organizan unha festa sorpresa para Maya, pero os fogos de artificio de Dinamito acaban provocando un caos luminoso no Outro Barrio. A situación complícase cando a Policía Esqueleta o leva preso, e os seus amigos terán que buscar a maneira de axudalo.

Unha historia divertida e disparatada que nos fixo rir, reflexionar e despedir o curso cun sorriso. Porque, como sempre, os Minimortos demostran que a amizade é máis forte ca morte.





Grazas lectores por acompañar as nosas iniciativas. Agardamos que teñades un verán cheo de lecturas bonitas!

sábado, 7 de xuño de 2025

Gala dos premios Olloboi

O pasado venres 6 de xuño celebrouse a Gala de entrega dos premios de cine escolar Olloboi 2025 na Abadía de San Enrique de Boiro. 

Nesta, a súa 15ª edición, presentáronse un total de 58 curtametraxes de 41 centros educativos de Galicia, Euskadi e Portugal, que se dividían en 4 categorías distintas: +18, Bacharelato/ciclos, ESO e primaria. 

O xurado estivo composto por recoñecidos profesionais do sector audiovisual galego, como Miguel de Lira,  Isabel Blanco, Felipe M. Guerra, Cris Iglesias entre moitos outros ‘cómplices’. 

Dúas das curtametraxes presentadas polo Ceip da Torre Cela, elaboradas no marco do seu proxecto de centro ‘Un cole de película’, resultaron escollidas entre as 4 finalistas na categoría de primaria: O capitán chocalleiro, unha curta que combina as aventuras dun grupo de nenos e nenas ao máis puro estilo dos Goonies cunha crítica á corrupción política e os intereses económicos por enriba dos medioambientais; e Conexión, na que se trata de concienciar da necesidade de desconectar das pantallas para volver a conectar coa contorna e coas persoas que nos rodean. 

Finalmente, o xurado escolleu a curta Conexión coma mellor curta da  categoría de educación primaria dos premios Olloboi 2025. Con este recoñecemento, ademais do trofeo, o alumnado poderá participar nun obradoiro de animación no propio centro escolar. 

Este premio supón para o Ceip da Torre Cela un broche final para un curso cargado de aprendizaxes vencelladas ao mundo do audiovisual e de experiencias de creación cinematográfica na que participou toda a comunidade escolar.

                                    O alumnado de segundo recollendo o seu premio. Noraboa!


O alumnado clasificado na final desfrutando da gala!

Tardes de contos na Biblio!

 Algunhas tardes de Biblio as pasamos compartindo sesións de contacontos a cargo dunha nai do noso centro, Olalla González. 

Unha artista nisto de contar historias, que nos ten a todos enganchados! Grazas Olalla, as portas da biblio sempre están abertas para ti!!






Obradoiro de xogos de mesa

 Nas tardes de Biblio realizamos algunhas sesións de obradoiros de xogos de mesa. Aprendemos a xogar cos recursos que temos na nosa Biblio e compartimos momentos de diversión pero tamén de moita aprendizaxe!








venres, 6 de xuño de 2025

Uns piratas de película

Cando comezamos a traballar no noso proxecto de centro " Un cole de película" xurdiron intereses ao redor do mundo dos piratas, e iso derivou nun proxecto paralelo  no que traballamos os cursos de terceiro e cuarto  de primaria,  e do que vos podemos amosar un pequeno resumo ao longo desta publicación.

Todo comezou no Samaín, cando ambientaron o noso multiusos coa película Piratas do Caribe,Aí decidimos  facer  un guión para rodar unha curta na que os protagonistas foron piratas, podedes ver o resultado final nos enlaces seguintes.

CURTA DE 3º E.P. 

CURTA  DE 4º E.P.

No entroido eliximos o disfraz de piratas, creando unha canción con coreografía propia.


Eliximos a película dos venres na nosa biblio, Piratas do Caribe, e investigamos sobre ela e a súa banda sonora. A partir de aquí, seguimos dando forma a un proxecto centrado na investigación sobre os piratas e a súa historia. Fixemos lecturas, investigamos na biblio e en internet, creamos unhas pistas para atopar un tesouro e utilizamos os robots para chegar ao tesouro.










Por último, escribimos un guión  para rodar unha curta, no que non deixaron de aparecer piratas

 

E  visto o traballo realizado, presentamos o noso proxecto ás familias, porque somos un cole de película!















Grazas por acompañarnos nun proxecto de película!

sábado, 24 de maio de 2025

Letras Galegas

Nas Letras Galegas 2025, rendemos homenaxe a unha tradición fundamental da nosa cultura: as cantareiras. Mulleres que, coas súas voces, transmitiron historias, emocións e identidade, mantendo viva a esencia do noso pobo.Este ano, celebremos non só a palabra escrita, senón tamén a palabra cantada. Porque as cantareiras son as gardiás da nosa memoria colectiva.

 E como vai de voces, centrámonos na radio e fixemos moitos programas para homenaxear  ás protagonistas; Adolfina e Rosa Casás Rama , Eva Castiñeira e as Pandereteiras de Mens. Estas mulleres foron pioneiras na conservación e difusión da música tradicional galega, levando as súas voces máis aló das súas aldeas e contribuíndo á preservación da identidade cultural galega.

O primeiro programa o fixemos para o Concurso de Radio na biblio, no cal resultamos premiados e que podedes volver a escoitar aquí.

No contexto traballamos a investigación das nosas homenaxeadas e fixemos programas para coñecelas un pouco máis. Este ano, a nosa homenaxe foi a través da radio!


Premio no concurso de radio Premios Hermida

E o volvemos conseguir! Nesta ocasión os premiados foron os alumnos de 2º de primaria, que participaron na categoría, que dentro dos Premios Hermida de radio  Pontevedra, otorgou a editorial Xerais. Alí nos fomos con moita ilusión e volvemos ser premiados. 

Grazas a Radio Pontevedra e a Editorial Xerais por esta iniciativa. 


Podedes  escoitar o programa aquí.


Participamos tamén cun programa de cine, que non resultou premiado, pero foi un gran traballo realizado dentro do noso proxecto anual" Un cole de película", e do que estamos profundamente orgullos@s. Podedes escoitalo aquí!

 
Gran traballo do noso alumnado! Este curso será de película!

domingo, 18 de maio de 2025

Gala dos premios Torriño

Para celebrar o Día das Letras Galegas, organizamos unha gala de cine digna dos Oscar, onde as estrelas da pantalla eran os propios protagonistas: os alumnos e alumnas, coas súas curtametraxes traballadas ao longo do ano.

O Centro Social de Bueu abriu as súas portas ás 09:30, dando a benvida aos máis pequenos, que cruzaron a alfombra vermella e posaron no Photocall como verdadeiras celebridades. Máis tarde, chegaron as familias, que tamén puideron inmortalizar o momento.



Unha vez que todos ocupamos as nosas butacas, deu comezo a esperada Gala dos Torriños de Ouro. Tras o visionado das curtas, o xurado retirouse para deliberar, mentres o alumnado deleitaba ao público con actuacións musicais que mantiveron a expectación no aire.




Aquí vos deixamos unha das curtas, concretamente o trabalo do alumnado de 5º de educación Infantil.
 

E finalmente, o instante máis emocionante: a entrega dos premios. Ao subir ao escenario, sentimos a mesma ledicia e emoción que os grandes actores e actrices de Hollywood. 



 Agradecer especialmente, a colaboración desinteresado do noso xurado, que sempre está aí cando lle pedimos colaboración; Rubén Bastón, Luís Davila, Maika Braña, María Ruíz-Falcó, Eva, Isabel Quintás. Jose Ángel Mariño e Adrián Porima.


Tod@s somo gañadores porque o fixemos de película, e así nolo fixo saber o xurado, recoñecendo o traballo de tod@s as aulas cos premios por categorías. Para facer os premios e a decoración, utilizamos o material de polos creativos, e o resultado foi incrible.








Os noso premios aos actores e actrices protagonistas e  de reparto foron para Anxo, Adrián, Xela e Carla. Noraboa!

Grazas aos nos@s protagonistas por facernos vibrar, e un recoñecemento moi especial para o equipo de profesores, por este traballo de película. Podedes ver aquí un resumo da gala.
Imos poñendo fin a un proxecto moi especial, que nos fixo sentir que SOMOS UN COLE DE PELÍCULA!