martes, 8 de xuño de 2021

Animación lectora con María Canosa en 4º de primaria

Esta mañán a clase de 4° tivo unha visita moi especial, a dunha escritora que admiramos moito, María Canosa! 

O curso pasado limos o seu libro A cazadora de estrelas, que nos acompañou durante o confinamento e nos axudou a viaxar sen saír da casa. No libro, Megumi é unha excelente cazadora de estrelas, que coa súa egua Turrón descobre o que lle ocorre ás estrelas no observatorio, e tamén o que trama Zeus. É unha rapaza forte, un pouco rebelde e tamén moi reflexiva, argallou todo un plan e puxo patas arriba a comunidade! Por iso nos gusta tanto…


          


María Canosa contounos que soe escribir á man, que os seus pais son as primeiras persoas que len os seus libros cando remata de escribilos, e que o nome de Turrón ocorréuselle ao ver a un can moi educado nunha cafetería. Tamén nos explicou que lle ten un cariño especial ao seu primeiro libro, Rubicundo, que temos moitas ganas de ler, e que agora está a escribir algo novo… aínda non lle puxo título!

Sabíades que escribiu máis de 40 libros? Tamén a felicitamos porque a súa filla gañou un premio hai pouco, á mesma idade á que ela gañou o seu primeiro premio, con só 8 anos. Ao mellor, dentro duns anos, lemos tamén os seus libros!

Sentímonos moi a gusto charlando con María, coa que xa faláramos o ano pasado par ensinarlles os nosos traballos e maquetas do observatorio, baseadas no seu libro. Díxonos que somos moi importantes para ela porque os lectores e lectoras, manteñen vivos aos libros. 

Grazas, María, polo teu cariño. Pronto leremos As pombas de Bastián, o seu último traballo, porque xa nos contou de que trata e ten unha pinta boísima! Ata a próxima!



  

E o noso agradecemento a editorial Anaya por facer posible o encontro! SuperARTE!

Ningún comentario:

Publicar un comentario